Friday 17 de May de 2024

O CEIP Rodríguez Cadarso de Noia sumouse esta mañá á carreira solidaria contra a leucemia infantil


 

Nesta iniciativa participaron máis de mil colexios de toda España

O CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso, de Noia, sumouse esta mañá á carreira solidaria ‘A Volta ao Cole’ de Un entre cen mil, que ten como propósito recadar fondos para proxectos de investigación contra a leucemia infantil. O centro de Noia participou con 263 alumnos e alumnas e familiares, que completaron un percorrido sinalizado pola contorna do colexio, para o que contaron coa colaboración da Policía Local e de Protección Civil. Entre as asistentes á carreira estivo a concelleira Mariola López.

A iniciativa é o maior movemento escolar por unha causa solidaria, posto que supera os mil colexios en toda España. Este ano celebrou a súa quinta edición e aspiraba a superar os 400.000 corredores en todo o país. Cada participante na carreira doa como mínimo un euro e recibe un diploma de agradecemento, ademais da satisfacción de axudar a loitar contra a leucemia infantil.

A Volta ao Cole recadou o ano pasado uns 800.000 euros en toda España, que se destinaron a financiar a bolsa de investigación da entidade ‘Uno entre cien mil’ (https://unoentrecienmil.org/).